Sunday 28 de April de 2024

Unha trintena de veciños e veciñas de Frades participa nas xornadas dedicadas á saúde no Hotel Balneario Compostela


Unha media de máis de trinta veciños e veciñas de Frades participaron durante este mes de marzo no programa “Mes da saúde”, que organiza cada ano o Concello para que a veciñanza poida desfrutar dos beneficios das augas termais tanto a nivel físico (alivian as molestias musculares e as derivadas da artrite, axuda na loita contra o reuma e estimulan o sistema inmunolóxico) como psicolóxico (axuda a combater o estrés, reduce o esgotamento, calma a ansiedade…).

A concelleira de Benestar Social, María Ángeles Álvarez Carro, acompañou onte martes á veciñanza durante a derradeira das catro visitas programadas para este mes de marzo. Como en edicións anteriores, o Concello de Frades subvencionou o 70% do custo da iniciativa e puxo un autobús a disposición das persoas participantes, que as foi recollendo e deixando de volta polas distintas parroquias.

Durante esas catro sesións, que tiveron lugar no Hotel Balneario Compostela (Brión), os veciños e veciñas de Frades desfrutaron cada día dun circuíto termal que incluia piscinas de chorros, contracorrentes, jacuzzi, saunas, ducha bitérmica e de aromas, circuíto circulatorio de pernas e unha sala de relax con mármores quentes.